Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

1.12.17

Versos clandestinos



Onte fun a a Foz para escoitar palabras ben ditas na boca de  M. Rivas e Miriam Ferradáns

A Rivas anunciábano os carteis para o martes 28, pero estivo onte, que era xoves 30.

O recital tivo lugar no recuncho máis recóndito do CENIMA sen indicación ningunha para chegar desde a porta. Entrei e deixeime levar pola intuición: volta para aquí, volta para alá, escaleiras arriba, locais baleiros que fun atravesando, corredores... Silencio. Nin unha alma se oía durante o traxecto.

Por fin, ó dobrar unha esquina, vin xente reunida e fun oíndo a maina voz de Rivas, que por veces susurraba.

Presidía o acto un reloxo parado nas cinco menos cuarto. Eran daquela case as nove da noite.

Rivas falou dun vello mestre que reprendía o uso do galego e entón, ó recordar tamén moitas manifestacións que un le e escoita ultimamente, caín na conta: todo eran síntomas, a nosa cultura prepárase para a clandestinidade.

Estiven todo o tempo mirando de reollo ás miñas costas, por se viñan os grises.

6.11.17

Afinando a Galicia negra- I



Por tristes motivos que non veñen a conto, nos últimos tempos atravesei ducias de veces a xeografía patria que vai desde a beiramar do norte ata Ourense. Entre Lugo e Ourense viaxei por Monforte, que para iso construíron ese corredor rápido polo que se corre algo máis rapidamente ca por Chantada.

Sen perder a atención da condución, que un tense por un chofer con sentidiño, funme fixando na paisaxe tratando de atopar o lugar exacto que delimita, por esa ruta, a Galicia negra e a Galicia alaranxada. Refírome á fronteira entre as casas cubertas de lousa negra e as que teñen tellado cor laranxa. Xa me teño referido a iso noutras ocasións.

Cun pouco de atención un decátase axiña de que en Sarria predominan os teitos negros e en Monforte son máis abundantes os de tella, aínda que non desaparecen totalmente os de lousa. Pero quixen afinar algo máis: manda a lousa negra tamén en Bóveda, en Chorente, na Áspera e aínda na Agüela; un pouco máis adiante, con Monforte a tiro de pedra, hai uns pequenos lugarexos nos que xa abunda máis a tella.

Concluímos, polo tanto, que Monforte  cos seus arrabais é o primeiro núcleo urbano fóra dos lindes da Galicia negra, indo de Lugo a Ourense polas terras de Lemos e os Peares.

Outro día precisaremos os lindes seguindo outra dirección. A investigación non vale para moito, pero divírteme.

31.7.17

O galego de Asturias: síntomas de normalidade

Os días 26 e 27 de xullo tiveron lugar en Ribadeo as XV Xornadas de Historia Local, promovidas pola Asociación Cultural Francisco Lanza, que nesta ocasión tiveron como tema “Comarca do Eo. Unha historia común”. 
Cartel das XV Xornadas de Historia Local, Ribadeo, 2017
Na primeira sesión Ángel Prieto Souto, de Santiso de Abres, falou de “A cultura como valor económico”. O segundo día correspondeulles a quenda a Quique Roxíos e a Héctor Acebo, que participaron nunha charla-coloquio co título de A comarca do Eo, unha soa lingua”, que tiven a honra de moderar. Rematou a xornada con música a cargo de Toyemerendas, o último grupo promovido por Abel Pérez, da Veiga, onde segue contando coa voz de Ruth Martín, que xa estaba en Folkgazais.
Quique de Roxíos e Héctor Acebo. No medio, o moderador

Actuación de "Toyemerendas"

A comezos de xullo, onde o río Eo deixa a un lado a parroquia de Abres (A Veiga - Asturias) e a outro a de Ría de Abres (Trabada - Galicia), tivo lugar unha nova edición do festival Eu son Eo, un encontro coorganizado polos dous concellos, no que durante dous días hai, ademais de actuacións musicais, outras actividades que poñen en valor a cultura común das dúas bandas do río.
Cartel de "Eu son Eo", 2017

En xuño, o xa mencionado Quique Roxíos, resultou gañador do certame poético Anduriña voandeira, convocado pola Irmandade de Centros Galegos de Euskadi. O poeta asturiano de Bual, agora afincado en Donosti, presentou unha obra en galego que enviou baixo o título de Personaxe descoñecido. Cóntanos os detalles el mesmo no seu blog.

Sabemos que Héctor Acebo, xornalista de Santiso de Abres, ten tamén preparado un poemario en galego que esperamos ver pronto editado. Mentres, confórtanos ler as súas habituais colaboracións en galego en La comarca del Eo e no suplemento "A Mariña", do xornal El Progreso.

En abril, Quique Roxíos -nos últimos tempos non para- organizou na súa casa natal unha xuntanza de máis dunha ducia de persoas con ideas diferentes pero con sensibilidade cara á lingua e cultura da comarca. Parece ser que a intención é avanzar por ese camiño, buscando puntos de encontro que beneficien a causa xusta da defensa do galego do occidente de Asturias. O propio Quique redactou a crónica dese evento para a sección "Voces" da web de Prolingua.
Xuntanza en Roxíos (Foto do blog de Quique de Roxíos)
Máis alá aínda, en Xixón, seica anda nos últimos tempos o asturiano de Xío Xosé Rico e o galego de Ribadeo Toni Deaño facendo microteatro polos bares, representando con éxito en galego fragmentos de Fridom Spik de Jaureguízar. Cónstame que o feito de que o espectáculo sexa en galego non impide que o público o acolla favorablemente e se mate a rir. A ninguén se lle ocorre falar de colonización.
Portada de "Fridom Spik", de Jaureguízar

Son, se cadra, pequenos chanzos e está por ver a súa repercusión na convivencia da zona e no compromiso coa cultura común, pero un prefire interpretalos como síntomas de normalidade fronte ás augas interesadamente avoltas que baixaban hai só uns anos, cando parecía un día si e outro tamén que a raia que alguén pintou un día no mapa entre Asturias e Galicia era o Mississipi que ninguén debía atreverse a cruzar.

25.6.17

Centenario da escola "Rosalía de Castro", de Laro

Foto: http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/,
collida á súa vez do Fondo Gráfico do Arquivo da emigración Galega.
Xa me teño referido noutras ocasións á escola de Laro, onde me meteron por primeira vez un pizarrillo na man.

Téñenme contado que o meu primeiro día non foi precisamente o máis feliz da miña vida e tamén que, cando xa ía contento coma un paxariño en abril, mandáronme para a casa un ano máis. Debín ser o expulsado máis precoz da historia do ensino, pero debe constar que foi por motivos administrativos e non disciplinarios.

Durante moito tempo aquela escoliña humilde non foi para min máis ca iso, a primeira escola, pero co paso dos anos medrou a consciencia e acabei sabendo información que me emociona:

Segundo informan na web do Consello da Cultura Galega, de onde collo os datos e as imaxes que inclúo aquí, a escola promovérona os emigrantes de Silleda en Bos Aires e foi a primeira das que crearon no concello.
Captura de pantalla da web do CCG

Nese interesante sitio pódense ver tamén os planos, coa distribución que eu aínda acordo:
Foto: http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/
collida á súa vez do Fondo Gráfico do Arquivo da emigración Galega.

Foto: http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/
collida á súa vez do Fondo Gráfico do Arquivo da emigración Galega.

En 1928 puxéronlle de nome nada máis e nada menos ca Rosalía de Castro.
Captura de pantalla da web do CCG.

A escola fundouse o 15 de agosto de 1908, pero o edificio inaugurouse en 1917, segundo se pode comprobar aínda nunha placa da fachada. 
Foto: http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/
collida á súa vez do Fondo Gráfico do Arquivo da emigración Galega.

Cúmprense este ano, polo tanto, cen anos da inauguración do edificio. Xa que o centenario da fundación da escola pasou desapercibido, se cadra non sobraba agora algún tipo de conmemoración...
A escola na actualidade. Foto: http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/
collida á súa vez do Fondo Gráfico do Arquivo da emigración Galega.
............................................
NOTA: Descúlpesenos a reprodución das imaxes sen permiso previo.

15.6.17

A praia das Catedrais na literatura galega

Un día que viña o aire a favor inventei unha materia sobre literatura clandestina. Cousas da LOMCE. Non é que trate de literatura ilegal; chámolle clandestina porque traballamos sen papeis, como lle sucede a moita xente que sobrevive na vella Europa.

Bauticeina como Literatura galega e sociedade porque había que buscarlle un nome que aceptasen no rexistro civil das autoridades, pero en confianza denominabámola así: Literatura galega clandestina. Outras veces iamos máis alá e atreviámonos con Literatura galega para ateos, porque a materia é alternativa á Relixión.

Ana, ManuelClaraMateo, Irene, RamónMaría e Simón foron os atrevidos que riscaron esa opción no impreso da matrícula do 2º de BAC que hai pouco rematou. Tratei de levalos polos camiños que unen a literatura galega co cine, coa música, coa fotografía, co audiovisual, cos novos medios de difusión, mesmo con outras artes como a escultura ou a pintura. Tamén viaxamos á inversa e crearon booktrailers, preciosos textos literarios a partir de imaxes, etc. E fixérono fermosamente.

Rematamos o curso cun traballiño sobre a presenza da praia das Catedrais na literatura galega. Fomos xuntando as pezas do puzle e despois Tania púxolle o ramo á obra cunha magnífica montaxe. Penso que ben merece a pena que se lle dediquen uns minutos, sen esquecer o remate, onde se pode comprobar que, ademais de aprender, pasámolo ben:

Non sei cales serán os camiños futuros desta materia, pero gardarei sempre na memoria o recordo desta primeira promoción, con quen tan a gusto me sentín.

6.6.17

"Tópicos sobre a lingua galega", outra vez

Tópicos sobre a lingua galega, editado pola Mesa pola Normalización Lingüística
Houbo un tipo alá en México que un día, se cadra, cargou o carro con tequila en exceso e garabateou con acerto corenta ou cincuenta follas. O tipo chamábase Juan Rulfo e a aquela tandada de cuartillas chamoulle Pedro Páramo.

É certo que tamén publicou outras cousiñas, co mesmo bo ollo para os títulos, pero o que lle deu nome foi aquela obra publicada por primeira vez no 55 e que despois se reeditou, reimprimiu, traduciu e fotocopiou centos de veces.

Se non fose disparatada a comparación, diría que uns cantos folios que unha vez escribín case a xeito de brincadeira van polo mesmo camiño.

Chameille en orixe Tópicos sobre a lingua galega e nunca pensei que chegasen moito máis alá da papeleira que hai onda a porta da miña casa. Errei: difundíronse primeiro en fotocopias, despois en formato dixital, o Concello de Ribadeo editounos por primeira vez en papel, aparecen fragmentos en libros de texto e noutras publicacións e, recentemente, acaban de editarse de novo.

Desta vez foi a Mesa pola Normalización Lingüística, a través de Mónica Pazos, quen me pediu autorización para publicalos nunha fermosa colección de peto e difundilos coincidindo co Día das Letras Galegas deste ano.

Agradezo unha vez máis tanta atención inmerecida, aplaudo e presumo da fermosa edición que deseñaron desde a MNL e, ó mesmo tempo, lamento que sexa necesario explicarlle á xente asuntos que deberían ser evidentes, desmentir afirmacións que deberían avergonzar a quen as di, tratar de facer País en tempos de demolición programada.

E que me desculpe Juan Rulfo, por metelo nesta festa con tanta desmesura.

26.4.17

Expulsións

Puerto Lápice
I
Andei polas terras do Quijote. Non estaba previsto, pero camiño do mar de plástico cadrou parada en Consuegra e, á volta, parada e fonda en Puerto Lápice.

Seguramente me custase asentarme por alá, pero gústanme as estadías ocasionais nesas terras nas que un sobe a un outeiro con muíños de vento ou sen eles e ve medio mundo. Gústanme as oliveiras en ringleira, o verde fermoso das amendoeiras, as viñas baixas que han dar un bo tinto cando chegue o día, as prazas tan abertas...

II
Á volta decátome de que levo meses con El viaje de Don Quijote de Julio Llamazares á vista, no meu escritorio, sen buscarlle acomodo despois dunha lectura que rematei hai tempo. E lembro o motivo: tiña unha débeda pendente que  me dispoño a saldar.
Portada de "El viaje de Don Quijote", de Llamazares
Llamazares é un autor que leo con agrado. Non é que adoite quedar con nada impactante do contido cando remato unha obra súa, pero déixame un pouso de sensacións agradables, unha melancolía se cadra algo depresiva pero que me reconforta.

Non foi así desta vez. Todo ía ben na viaxe ata que pasamos os Monegros. Foi unha lástima que non quedase varado alí o seu percorrido seguindo as andanzas de Don Quijote. Foi unha lástima que non rematase o papel se escribe ó vello xeito ou cascase o disco duro se escribe acorde cos tempos.

Todo ía ben, pero ó pasar os Monegros e adentrarse “Por tierras de Cataluña” escribe: 
"[...], la encargada del Museo Comarcal de l’Urgell ni siquiera se molesta en responderme en castellano, pese a que ve que no hablo catalán”.
Teño a Llamazares por un tipo sensible e sensato, por iso non entendo o malestar que transpira ese fragmento. Seguramente, a pesar de non falar catalán, Llamazares non ten problema ningún para entendelo e non vexo que mal hai en que unha conversa teña lugar en dous idiomas distintos se hai intercomprensión.

Eu, como galegofalante, funme habituando a detectar cando me entenden e cando non. Non é moi difícil. E se me entenden, non vexo necesidade de cambiar, aínda que sei que moitas veces iso molesta. Négome a ser galegocalante. Xa non sei que podemos facer os que falamos un idioma distinto do castelán para que non se pense que o facemos por amolar, senón que obramos coa mesma naturalidade coa que os da Terra Ancha falan no seu. É algo tan simple coma iso.

III
"Hay espacios que acogen, otros que te dejan estar, algunos –muchos– que te expulsan”, escribiu Xuan Bello nun dos seus saludus dominicais. Eu penso que esta atinada afirmación do de Paniceiros é aínda máis aplicable ás persoas: hai xente que te acolle; outros que te deixan estar, algúns –moitos- que te expulsan.

Que non sorprenda, portanto, o desexo de marchar.

13.3.17

Toponimia de Agolada

Luz Méndez e outros, antes de comezar a presentación de "Toponimia de Agolada"
Volvín ós pendellos de Agolada, que xa non teñen feira pero si vida. Desta vez o motivo foi a presentación de Toponimia de Agolada, de Luz Méndez, co que se inaugura a colección "Terra Nomeada", promovida pola RAG coa colaboración económica –sempre imprescindible- da Deputación de Pontevedra. É unha interesante iniciativa coa que se pretende espallar o coñecemento e o valor da toponimia dun xeito divulgativo, fuxindo de explicacións para expertos que moitas veces resultan excesivamente densas para o gran público.

O local escollido no recinto dos pendellos quedou pequeno para a ocasión. Foi unha lástima que chegase puntual para a presentación do libro porque perdín case toda a visita guiada que o historiador Manuel Bustofixo previamente polo conxunto arquitectónico dos pendellos. Tendo en conta o pouco que aínda pillei e os coñecementos e entusiasmo do guía, estou seguro de que debeu ser ben interesante.
Un momento da presentación
Houbo varias intervencións de expertos e de autoridades: o Alcalde de Agolada, o representante de Cultura da Deputación, Gonzalo Navaza, Xesús Ferro e a propia autora. Todas elas foron amenas e non moi extensas, algo que tamén se agradece cando os participantes son moitos e un está de pé. Tamén tocaron os gaiteiros de Bico da Balouta e cadrou que acabei parolando cun deles asentado alá pero nado en Ribadeo. Tivemos tempo para que recordase un pouco o Ribadeo da súa infancia, para que me contase a historia do tesouro do Marqués de Sargadelos e como el, sendo novo, revisou unha por unha todas as covas da ría de Ribadeo por se daba con el.

Por se todo isto fose pouco, cadrei alí co sempre mestre e vello amigo Vázquez Pintor, con quen me retratei na noite. Recordamos a anterior visita ós pendellos, cando aínda non estaban amañados, e como aquela mesma tarde acabamos pingando coma pitos e medio espidos para enxoitarnos na palleira da súa estirpe de Quián, un dos topónimos que Luz Méndez explica no seu libro.
Con Vázquez Pintor
Mereceu a pena a viaxe. 

15.1.17

Seseo en Rinlo

Rinlo en Google maps
En Dialectoloxía da lingua galega (Xerais, 1990), o profesor Francisco Fernández Rei escribe, a propósito do seseo:
No galego oriental este fenómeno é insólito; de tódolos xeitos, aínda que esporadicamente, a súa existencia está documentada en Rinlo (lugar mariñeiro de Ribadeo) [...]
Francisco Lanza referírase tamén ó seseo en Rinlo en “Falan os de Ribadeo”, publicado no nº 114 da Revista Nós, en 1933. O artigo, xunto a outros dous do mesmo autor, reeditouno Edicións do Castro en 1974, con limiar e notas de Eduardo Gutiérrez, e volveuse reeditar no 2001. Nese traballo, Lanza inclúe un apartado titulado “Pobos e xentes” onde di:
Rinlo.- Ós rinlegos, porque falan coa ese, chámaselles sorosos; na festa do seu patrón, San Pedro, comen casón cosido, casón asado, casón estofado, casón mechado e casón encasolado.
 “Cason” é a pronuncia con seseo de “cazón” (Galeorhinus galeus), un peixe que seica é algo parente dos tiburóns, pero non medrou tanto.

É todo canto sei do seseo en Rinlo e é todo canto lle conto ano tras ano ó meu alumnado, cando toca falar do asunto. Nos anos que levo dando clase (ou intentándoo) en Ribadeo, que non son poucos, esta información sempre resultou sorprendente para a rapazada, incluso para os de Rinlo, que nunca oíran falar deste trazo dialectal na súa parroquia. E a cousa quedaba aí. Remataba a clase e cada un para a súa casa.

Foto aérea de Rinlo, de Humberto P. Pool (collida de internet, que o autor desculpe a apropiación indebida)
Pero este curso teño como alumna a Marta Fernández Díaz, rinlega inqueda, curiosa e con ganas de aprender. Poucos días despois de que eu falase do seseo en Rinlo na aula, Marta veume cunhas anotacións que fixera con axuda da familia, onde hai xente que lle ten oído falar diso ós vellos. Non é que ningún dos vivos lembre o seseo, pero si que teñen oído que algún antepasado dicía que antes se falaba así.

Nas notas de Marta figura que non tiña seseo Tona -nai da informante actual-, que naceu no 1915, pero si que o tiñan súa nai e súa tía. Tampouco o tiña Concha, nada no 1912 nin a mamá Xeba, que nacera en 1890.

Polas contas que botaron, calculan que o seseo debía estar vivo en Rinlo aínda entre os nacidos cara a 1870 e 1880.

Aí queda o dato, que moito lle agradezo a Marta e á súa familia