Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.10.09

O tren e a literatura

Un recente artigo sobre a presenza dos trens na literatura universal fai que me decate do escaso protagonismo que o tren ten na literatura galega. Tampouco é de estrañar, tendo en conta a mala gana coa que entrou na nosa Terra o vello ferrocarril no seu momento e o AVE na actualidade.

Seguro que algo máis hai, pero agora mesmo só me lembro do famoso poema de Curros Na chegada a Ourense da primeira locomotora (Aires da miña terra), de O divino sainete, tamén de Curros, do relato O vello que quería ver o tren de Dieste (Dos arquivos do Trasno), de Bull & Mignonne de Gonzalo Navaza, no Ticino suízo, (Erros e Tánatos) e de Terminal de Xelís de Toro.

- "É como se tivese un tren minúsculo correndo no meu cerebro. Noto as súas rodas metálicas correndo polos sulcos".

A maiores, a colección de trens eléctricos que seica tiña Carlos Casares. Pero iso ten relación co literato, non coa literatura.

Se eu fose autor, creo que tería semente para escribir algo sobre o asunto, botando man duns cantos recordos:

I: Suicidio
Supoño que eu sabía anteriormente da existencia do tren, pero a primeira lembranza da que son consciente está relacionada co suicidio, cando un día apareceu a parroquia revolta porque un veciño vello se botara diante dunha máquina. Souben daquela que algunha xente adiantaba voluntariamente a data da súa morte, algo que ata ese momento nunca se me pasara pola cabeza.

II: Lecer
Co tren relaciónase a miña primeira excursión: Un día no que, sen que saiba por que, eramos moi poucos os nenos que estabamos na escola, o mestre meteunos a todos no seu coche e levounos ver un túnel. Cruzámolo andando ida e volta, e regresamos ben contentos para a escola. Se hoxe un docente fai iso, méteno preso por realizar unha actividade extraescolar non prevista na PXA sen pasar polo Consello Escolar nin contar coa autorización dos pais e da inspección. E por tolo, claro. E se cadra aquel mestre ata nos sacou fotos sen que nosos pais autorizasen o uso da imaxe.

III: Moedas
Os Agulló, compañeiros de colexio, vivían a carón da vía e de vez en cando traían a clase moedas retortas porque as puxeran nos raís para que as machacase o tren. Agora decátome do fermosa que era, como metáfora, aquela imaxe de Franco nas pesetas esmamallado polo tren.

IV: Soldados
Gardo na memoria unha viaxe a Lisboa, nun vello comboio ateigado de xente, e lembro especialmente a imaxe dos soldados barulleiros e borrachos deitados no estante das maletas, pegadiños ó teito. Nunca tal vira.

V: Cemiterio
Impresionoume unha vez a enorme cantidade de lápidas de xente de menos de 40 anos nun cemiterio dun lugariño de Dozón, todas da mesma época. A carón, bastantes de xente moi lonxeva. Daba a sensación de que alí todo o mundo morrera antes dos 40 ou despois dos 80 anos. Segundo me dixeron, a explicación estaba en que moitos mozos da parroquia traballaran na construción do túnel da Abeleda, próximo ó lugar,e despois caeran coma moscas, vítimas da silicose.

Se eu fose autor, daríalle un pouco de vida ó tren na nosa literatura, pero a min dáseme mellor facer tortilla de patacas.

ENGADIDO
(29/10/09):
Vaia! Parece que alguén máis andaba coa miña idea. Tres días despois de escribir este post, a miña amiga Lali mándame esta noticia.

19.10.09

Unidos pola lingua

7 graos ó saír da casa, cediño e con sono no corpo; 6 á altura de Barreiros, 5-4 por Celeiro, 3 en Vilanova, 2 en Abadín con néboa pecha... Todo apuntaba a un día tirando a frío, pero a calor humana xurdiu de novo en Compostela. Unidos pola lingua, unha vez máis. Resposta firme que sae de dentro, que o corpo pide. Consecuencia das políticas do señor Núñez. E así será tantas veces como queira, porque o sono non pode apagar o soño compartido, no país da néboa.

12.10.09

Ben barato sae!

Anda a xente escandalizada coas mentiras de Galicia Bilingüe e do señor Núñez polo asunto do idioma, co caso Gürtel, coa moción de censura de Silleda, etc., etc. Se cadra a explicación a tan pouco disimulo está neste recantiño que decubrín hai pouco na parede dunha igrexa.

Ben pouco custa obter indulxencias para 10.000 anos! E se cadra aínda chegaban uns aniños menos.

6.10.09

A forza que vén de lonxe en Prolingua

A SERIE EMPEZA AQUÍ
Desta vez, o amigo Quique fíxo o traballo por min:

Todos os que el cita, e máis que haberá, son tamén a forza que vén de lonxe.
CONTINÚA

5.10.09

Prolingua


A lingua galega naceu hai uns cantos séculos, coma as outras linguas románicas. Tardaron algo máis en nacer os que se empeñaron en que esta lingua morrese, pero acabaron nacendo tamén e reproducíronse coma as silvas, e ultimamente parece que colleron unha forza que hai uns anos parecía impensable. Deberon papar bo esterco.

En 1983, no Parlamento de Galicia aprobábase a Lei de Normalización Lingüística sen ningún voto en contra de ningunha das forzas políticas representadas. O articulado desta lei é aburrido, coma todos os textos legais, pero eu teño lido máis dunha vez os debates que precederon a súa aprobación, segundo se recollen no diario de sesións e sempre gocei facéndoo. Lendo o que dixo cada un dos portavoces, parece que aquel día todos querían defender o galego con máis forza có opoñente.

Algúns anos despois aprobouse no Parlamento o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Tamén recibiu o voto favorable de todos os parlamentarios de todas as forzas políticas. É un texto longo e aburrido, pero necesario. Despois houbo cambio de goberno e os do mesmo partido que o impulsaran empezaron desde a oposición a darlle patadas nas pelotas en forma de valoración despectiva do que o Plan establece: o mínimo do 50% das materias en galego, as escolas infantís en galego, campañas para a galeguización das lápidas, avances no uso por parte da empresa privada, etc, etc. Os agresores foron collendo forza a base de mentiras oportunamente difundidas desde a casa e desde fóra. E chegamos onde chegamos.

Hai uns meses naceu Prolingua, aínda que non se deixou ver en persoa ata este sábado. Foi en Santiago. Prolingua nace para darlle vida a unha lingua que algúns se empeñan en que esmoreza. Impudicamente. Son os mesmos que mataron o Plan Xeral antes de que medrase e que agora lle botaron o ollo a unha Lei de Normalización Lingüística que ninguén cuestionara en décadas.

Igual ca na aprobación da LNL ou no PXNL, en Prolingua converxen forzas plurais, de todas as tendencias políticas, de todas as camadas sociais, guapos e feos, loiras e morenas, calvos e peludos, e incluso xente á que lle deron clase de galego en castelán en tempos de bilingüismo harmónico. Dá gusto ver agromar isto en tempos de emerxencia. Por iso é unha semente que debe medrar, que ten que medrar.