Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

13.8.09

Unha romaría na cima do Candán


Aínda correndo o risco de que algunha historiadora amiga me diga que a historia é para os historiadores, hoxe vou falar de historia.

Vén aí o 15 de agosto. Tal día coma este do ano 1933 tivo lugar na cima do Candán, a carón da capela do San Bieito, unha romaría en homenaxe ós emigrados, especialmente para celebrar o XXV aniversario da “Sociedade de emigrados hijos de Silleda”, que financiou no concello escolas e outros servizos básicos.

A romaría foi moi sonada e encheu páxinas e páxinas na prensa da época (El pueblo gallego, Razón, etc.) como indica Antón Garazo nun artigo publicado no número 9 de A Trabe de Ouro (1992).

El Pueblo gallego (20 de agosto de 1933) fala de “Un gran acto cívico no curuto do Candán”. Esa foi a versión oficial dos feitos, pero, en realidade tamén se tratou dun acto político encuberto. O disfrace de “acto cívico” era imprescindible porque o goberno central prohibira celebrar actos políticos en lugares abertos. Iso, na práctica, era tanto coma impedir que se levasen a cabo actos deste tipo maior parte de Galicia, porque no rural non había lugares cerrados axeitados, e case toda Galicia era rural.

O argallante de todo aquilo fora Antón Alonso Ríos, de Cortegada. Con el estiveron outras personalidades importantes da Galicia da época: Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón de Valenzuela –daquelas un mociño de apenas vinte anos, que despois estaría preso nas minas da Brea-, Suárez Picallo, Blanco Amor, etc.

Precisamente este último autor escribe sobre este acto en El pueblo Gallego, o día 3 de setembro:

“Los oradores levantan en sus manos a Galicia como una hostia incensada de sol y de viento. Valenzuela Otero, casi un niño, canta a la mocedad y su palabra, con el penacho celta de su pelambrera, arden como dos llamas rubias. Picallo dispara sus manos hacia los horizontes, como dos aves exaltadas. Quien esto escribe, invoca a los poetas mayores de la patria y siente en su corazón presencias invisibles y ciertas. Alonso Ríos señala los caminos de la Tierra por donde ha de aspergiarse la sangre de todos si es necesario y su extremecimiento prende en la muchedumbre como un temblor milagroso”.

Este mesmo xornal xa se referira días antes o acto do Candán cun fragmento que merece ser reproducido:

“La excursión al Candán tiene además el carácter de un acto pagano, de culto a la montaña que inspiró a sus moradores, los vecinos de Laro, Parada y Refoxos, núcleo apretado que sirvió de base y firme sostén a la Sociedad Hijos de Silleda, el sentimiento de solidariedad para dar batidas a los lobos, bestias salvajes que hacían presa en sus rebaños, y de los caciques, bestias degeneradas que hacían presa en sus haciendas y dignidad.”

Era o 15 de agosto e 1933. Sopraban outros ventos e o Candán era unha festa. Hoxe, no mesmo sitio quedan só restos dunha capela irrecoñecible, e alí bailan as aspas dun parque eólico movido polo vento que regalamos.

1 comentario:

Marlene dixo...

Moi ilustrativo, Suso.

E mira ti como as gastaban en Silleda...