Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

21.8.09

Galiñescolas


Eu non sei por que está dando tanto que falar o feito de que o goberno do Señor Núñez decidise meter galiñas nas escolas. Nin que fose tanta novidade! Iso de meter pitas na escola xa se fixo na miña tribo hai moitos anos e, en vez de montar escándalo ningún, os aborixes presumimos de ter as pitas máis cultas do mundo.

Cronoloxía (inconcreta) dos feitos:

- 1917: Inaugúrase a escola da miña parroquia, o primeiro dos centros educativos laicos que a Sociedade de Hijos de Silleda en Buenos Aires, que se creara o 15 de agosto de 1908, financiou no concello. Puxéronlle como nome “Rosalía de Castro”, detalle que eu non souben ata hai ben poucos anos.

- Non sei que ano do franquismo: O edificio que os veciños emigrados financiaran pasa a pertencer ó Estado, por arte de maxia ou polo que todos sabemos. Quen queira coñecer máis datos, que lea os traballos do Profesor X.M. Malheiro.

- Xa nin me acordo cando: Nesa escola, convertida en unitaria, empezan a desbrozar a miña ignorancia. Alí ten lugar un feito do que xa teño falado en máis dunha ocasión.

- Últimos anos do franquismo: A escola deixa de funcionar como tal, trasladan o alumnado a un colexio e o vello edificio queda pechado e sen outra función.

- Non sei cando (nin quen nin por que nin por canto): Véndeselle a un veciño o edificio da escola e a finca colindante, onde xogabamos ó fútbol.

As galiñas e todo o que calquera labrego garda nunha palleira son, desde aquela, os novos ocupantes da escola Rosalía de Castro, a mesma que os veciños do concello emigrados en Bos Aires pagaran co seu traballo, coa ilusión de que a cultura agromase no medio de tantos animais. Eu non sei que pensarán case 100 anos despois.

Pero grazas e eles, temos as pitas máis cultas e máis poéticas de cantas hai no País. Os seus cantares están directamente inspirados nos de Rosalía; pódese dicir que son os auténticos Cantares Galegos.

Ningún comentario: