Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

29.1.07

Cultura, fútbol e rodaballos


Leo con regularidade a revista O Ollo Público desde o seu nacemento. Nunca me fascinou especialmente –creo que todo o que atopei de interese cabía nun dos seus 16 exemplares- pero celebro cada achega á cultura galega, por pequena que sexa. A súa lectura non lle fai mal a ninguén, aínda que se pareza máis a unha revista escolar ca a unha publicación especializada que soña con ser filla de Franco Maria Ricci.

O número 16 resúltame, por fin, interesante case na súa totalidade. O único que desentoa é a sección Viaxes que rompe a unidade deste exemplar dedicado integramente ó cine. Tamén é certo que todo o que aparece de cine pódese atopar en Google en media hora, pero para iso hai que ter a idea.

Tampouco entendo o editorial. A culpa é de Ferrín, que fai estas cousas na Trabe e sáenlle malos imitadores. Non sei a conto de qué, o editorialista despáchase a gusto contra a política cultural da Xunta.

Primeiro, a cidade da cultura. Eu tampouco teño claro que faría se herdara do goberno anterior un proxecto así. Poida que o mellor fose regalarlla a Pescanova para que a enchese de rodaballos. Así matábanse dous paxaros dun tiro. Pero o que me abraia é que agora todo o mundo ten algo que dicir ó respecto. Ata Cacharro dixo que era un disparate, e Feijoo que se lle fora das mans -Ou foi Barreiro? Tanto ten-. Antes, salvo media ducia escasa de "opinadores", todos calaban coma petos. Políticos, columnistas, representantes de sectores varios,... ninguén dicía nada. Benvida sexa a liberdade!, aínda que sexa para poñer ó descuberto as nosas vergonzas do pasado.

Despois cóllea coa selección galega de fútbol. A súa existencia parece ser a causa de todos os males do país. Sorte para Manolo Rivas e Carlos Núñez, que levaban antes a culpa de todo. Supoño que é argumento pobre dicir que non debe ser tan malo promover algo que todas as comunidades tiñan xa. Pero hai máis:
Poden facer máis pola lingua unhas declaracións en galego de Borja Oubiña –se as fixera- ou de Fernando Vázquez –que as fai- ca todos os exemplares xuntos de O Ollo Público. Hai máis literatura en trinta segundos de manifestacións de Jorge Valdano ca en todos os exemplares de O Ollo Público. Fan máis pola literatura os microrrelatos de Juan Pablo Sorín, que moitos len porque é futbolista, ca todos os exemplares de O Ollo Público.

Pregúntome por que esta teima contra estas decisións da Xunta. Será porque non lle gusta o sorriso de Ánxela? Ou será por que a Consellería de Cultura non figura entre os patrocinadores?

-E despois de disparar sobre ela, como se sente vostede?
-Famento
.
(Adam’s Rib. Adaptación)

27.1.07

A idea do millón de dólares

Ernesto Faílde repítelle estes días á prensa, unha e outra vez, como se iniciou a Feira do Cocido. Eu sempre pensei que algo con tanto éxito sairía dunha reunión de todos os gobernantes no Mosteiro de Samos, pero seica non foi así.

Ernesto conta que uns rapaces romperan os cristais da praza de abastos, onde tiña a súa carniciería, e como non se paraba co frío, foille pedir ó alcalde que os reparase. De paso aproveitou para dicirlle que estaría ben organizar unha feira, para promocionar os produtos da zona.

Ó alcalde pareceulle ben a idea, igual que ós seus compañeiros de partida, e déronlle para adiante ó asunto. Non fixeron estudos de viabilidade, nin informes de impacto ambiental nin burocracias inútiles..

Alégrome de que o acerto, a bondade e a humildade de Ernesto teñan por fin recoñecemento público e de que pase a formar parte do cadro de honra da festa , xa que vai ser investido "comendador". Non hai que esquecer que, coa súa idea, non só foi pioneiro do cocido, senón dun costume que acabaría por asentarse en todo o país coma ningún outro: a celebración de festas gastronómicas. Aínda que ás veces cansan e parecen excesivas, ¡cantos cartiños teñen dado!
Alégrome tamén de que lle toque compartir honras con tipos coma Arguiñano ou Xulio Fernández, que parecen boa xente.

Que ben estaría subir tamén ó palco de autoridades ós nenos que escacharon os cristais da praza de abastos!

E que ben estaría que todos os concellos de Galicia tivesen un buzón, real ou virtual, para que os veciños lles fixesen chegar ós alcaldes as súas propostas. Quen sabe cantas boas ideas morren sen ser contadas.

24.1.07

Noción de nación

O fracaso na negociación do novo Estatuto galego débese a un erro de estratexia: en vez de empezar por redactar o preámbulo e o articulado, deberían comezar por elaborar un glosario no que se explicase o significado da terminoloxía que se vai utilizar. E un dos conceptos que non pode faltar nese glosario é o de nación.

Non sabemos a noción de nación que cada un ten, pero está claro que non coincide. De aí o desacordo.

Ó longo da historia téñense dado polo menos dúas ducias de interpretacións deste termo. Para non ser menos, eu vou dar a miña:

Para que un conxunto de individuos constitúa unha nación, han de darse as seguintes circunstancias:
1- Que teñan un territorio delimitado ou delimitable.
2- Que teñan unha historia común (ou un sentimento da historia en común).
3- Que teñan unha cultura propia sentida como tal.
4- Que teñan vontade maioritaria e homoxénea de ser unha nación.

Con estas catro premisas, vexo na Península Ibérica só dúas nacións: Portugal e Cataluña. Que pasa co resto?

España non é porque, ademais de non haber unidade cultural real, non hai vontade homoxénea de ser unha nación; haberá vontade maioritaria, pero non é homoxénea xa que en Cataluña e Euskadi, especialmente, e en Galicia en menor grao, hai moitos cidadáns que non teñen conciencia nin vontade de pertencer á nación española.

En Euskadi tampouco existe homoxeneidade en canto á vontade de formar unha nación, xa que en Araba só unha mínima parte opta por este sentimento autoidentificativo. Ademais, o éuscaro, que é o trazo máis evidente dunha cultura propia, é a lingua de identidade dunha minoría da poboación; a maioría ten un coñecemento activo mínimo ou nulo dese idioma.

En Galicia só unha minoría demostra vontade ou consciencia de pertencer a unha nación; tampouco a cultura propia, aínda que moi coñecida activa ou pasivamente, é sentida como trazo distintivo no que sustentar un sentimento nacional.

Que son, pois?
España é unha ficción histórica; Galicia, unha comunidade antropofáxica mal disimulada, e Euskadi, algo imposible de definir.

M. Rivas tamén ten a súa versión:
NACIONALISMO
Abaixo todas as nacións,
dixo aquela especie de mendigo.
¿Todas?
Todas.
Todas, agás aquela
que dea boa sombra.
(Ningún cisne, 1989)

Un lixo no luxo: lingua-empresa

O sucedido estes días co hotel Louxo da Toxa puxo de actualidade o comportamento da empresa privada con respecto ó galego.

A pesar de que hai estudos que indican que a galeguización dunha empresa (publicidade, etiquetaxe,...) ten máis beneficios ca inconvenientes, a presenza do galego no ámbito económico segue sendo escasa. Eu admito que unha empresa decida, voluntariamente, perder cartos, pero non que me desprece explicitamente.

Deixei de mercar viño Pingadelo cando me decatei de que na etiqueta figura “La Rúa – Orense”, coa toponimia estragada, e empecei a comprar “Menciño” porque pon “O Barco de Valdeorras”. Ante calidade e prezo similar, este detalle é determinante.

Na miña casa non entrou outra conserva da marca Calvo desde que no libro “Vender en galego” (Consello da Cultura Galega, 1997) lin unha entrevista co seu Presidente, Luís Calvo Pumpido na que lle preguntaban se estudaran nalgún momento a posibilidade de facer publicidade en galego nos medios de comunicación de aquí, e el contestaba:

- "Non, somos da opinión de que a publicidade, ou se fai ben, en serio, ou é mellor non facela.”

É moi libre de pensar isto, pero eu tamén son moi libre de non lle mercar nada a quen pensa así. O mar está cheo de sardiñas que non son tan calvas de cerebro, por iso non me importaba nin o máis mínimo que vendesen a empresa hai uns meses; é máis, incluso o desexaba. Calquera xaponés tería máis sensibilidade.

Agora teño en corentena a Pescanova. Cada declaración pública que fan, danme máis motivos para darlle á tecla “eliminar arquivo” en vez de á de “restaurar”.

Seguro que os donos de Pingadelo, Calvo e Pescanova non saben estas cousas, e poida que tampouco lles importen, pero tampouco estaría mal que alguén llelo dixese, por se acaso. Estou seguro de que non son o único que actúo así.
Animo a quen os coñeza a que lles dea o enlace do “toupo”.

22.1.07

Improvisación?

Luns, 22 de xaneiro: “La Voz de Galicia

Contraportada:
Titular dunha entrevista a Perfecto Gómez, emigrante galego en Suíza: “Suíza non improvisa como Galicia”.

Portada:
Titular dunha noticia: “El PSOE de Lalín acertó ante notario quienes iban ocupar las 13 plazas de una oferta de empleo municipal

En que quedamos, ¿improvisamos ou non?

16.1.07

Letras na pedra -I: lobos no Faro




Vivimos no país das homenaxes: rúas, placas, monumentos, ... todo son recordos e agradecementos a xentes e mentes destacadas. A min non me parece mal atopar cravada na fachada dunha casa unha placa que diga, máis ou menos:


Nesta casa viviu, mamou, medrou e comeu polo frito o poeta Menganito.


Non me parece mal e ata me parece unha boa estratexia para lograr que os turistas enreden tres días en ver o que lles podía levar dous, pero agradezo máis atopar un fragmentiño da súa obra. Prefiro un sorriso bonito a saber a vida de quen sorrí.


Por iso me gustou atopar un día, no faldra do monte Faro que baixa cara a Chantada, este pedroulo cun poema. E o que máis me presta é o despiste do canteiro, que o obrigou a meter unha LOBA entre liñas no final do poema.



NUITE NAS BEIRAS DO FARO


A UXÍO NOVONEYRA


A NOITE NO FARO É DONA LOBA

O CANTAR DA CURUXA BERRA MORTE

E OS TORDOBEOS TRASPEXAN DE PÓLA EN PÓLA

O CHUSCHÚS DOS RABISCOS VAI E VEN E MEDRA

E O VENTO PETA NOS CARBALLOS VELLOS DOS NOVÁS

E CHOVE MAINO E GARIMOSO

O TEMPO NON PASA

E OS PASOS SON PRA TRAS

E OUBEA O LOBO

O LOBO É GRANDE, GROSO E FERO NOS ESCURENTOS

E O MEU SANGRE É VINAGRE

E AS MERLAS, SIN ACOUGO, CHIRLAN NEGRO NAS SILVEIRAS

ÁS VECES

AS GUEDELLAS ÉRGUENSE, E FOXEN COA NOITE

E AS PERNAS EVAÍDAS VANSE DE MIN PRA LONXE

E O SAPO TOCA,

A NOITE NO FARO É DONA LOBA I EU PRONTO SEREI DA NOITE.

PABLO RUBÉN EYRÉ

15.1.07

Parvadas de Núñez Feijoo

O que peor levo dos políticos, e da xente en xeral, é que digan parvadas conscientemente e que me tomen a min por parvo. A última vez que tiven esa sensación foi lendo a entrevista con Alberto Núñez Feijoo publicada en “El País” do día 14 de xaneiro, na edición galega.

O entrevistador pregúntalle ó político pola posibilidade de consenso sobre o tratamento da lingua galega no novo Estatuto, e Feijoo responde:

“...dentro de la Constitución defiendo la máxima prioridad de paridad para gallego y castellano. La preferencia del gallego en la educación, la obligación de estudiar todas las asignaturas en gallego, salvo la lengua castellana, eso empobrece el país y yo no voy a llevar a Galicia al siglo XIX.”
Núñez Feijoo sabe ben que o que está dicindo é unha parvada, pero faino porque nos toma ós lectores por parvos. El sabe ben que no Estatuto non se chega a tanto nivel de concreción con respecto ó idioma; el sabe ben que ninguén propón que se estuden en galego todas as materias, salvo a lingua castelá. É consciente de todo iso, pero vaise por peteneras para evitar recoñecer o que tamén sabe: a pesar de que o Estatuto recoñece que o galego é o idioma propio de Galicia, o único que todos os galegos temos obriga de coñecer é o castelán, porque así se establece na Constitución. Ó que algúns aspiran é a que no Estatuto se equiparen legalmente os dous idiomas, en canto a dereitos e deberes. Só iso.

Escribir cos días contados

Ando estes días “fuzando” na obra de María Mariño –este ano toca-, autora que escribiu os seus últimos versos sabendo que lle quedaba pouco tempo para facelo. A morte esperábaa na volta do camiño, e ela sabíao. Ten que ser terrible escribir decatándose de que calquera verso pode ser o último. Tivo que que tremerlle a man ó escribir

Chega a hora que marcou o tempo
-xeada que apaga o sol-
chega a hora fría aquela de contas feitas
(...)
Non é o único caso relativamente recente na nosa literatura:
Poesía última de amor e enfermidade, de Lois Pereiro, é un título que non agacha segredo ningún, como non o agacha o acróstico destes versos seus:

Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise

sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun in interludio
atroz entre dous muros de silencio

(...)
Eusebio Lorenzo Baleirón, que lle recitaba versos a Paulino na mesa do Candilexas mentres enfriaba a sopa, escribiu os poemas que compoñen A morte presentida sabendo tamén que o reloxo pararía axiña.

sei que tal vez non veñan
albas novas mirarme
(...)
María Mariño, Lois Pereiro, Eusebio,...seguro que non son os únicos casos. Hai xa máis de 40 anos, o Doutor García Sabell reflexionou sobre o sentir da xente en tales circunstancias (“Análisis existencial del hombre gallego enfermo”), pero el non abordou as consecuencias na creación literaria. Velaí un tema de estudo para quen teña gana (e tempo): escribir cos dís contados.

12.1.07

Días de lume e letras

Escríbeme un amigo e dime que está convencido de que no sistema universitario, e supoño que na sociedade en xeral, as humanidades non interesan, non son rentables.

Será por iso que, no verán, o contido da famosa circular do PP da Coruña ós seus alcaldes encheu páxinas e páxinas na prensa, minutos nos medios audiovisuais, no Parlamento e nas tertulias de taberna, pero absolutamente ninguén dixo que tiña máis de 70 erros (ortografía, acentuación, sintaxe, etc.). Non é pouco, para tres folios. E supoño que quen a redactou non cursou a ESO, que parece que ten a culpa de todos os males.

10.1.07

Ladróns de Catedrais

Fuzando, fuzando, atopo hoxe unha reportaxe, en "La Voz de Galicia" na que sae a praia das Catedrais, que é unha das máis coñecidas e visitadas de Galicia. Aparece habitualmente en folletos publicitarios, anuncios de TV, películas, etc.

O que non acaba de quedar claro é onde está situada; é moi frecuente ler ou oír que está no concello de Barreiros, como sucede hoxe por dúas veces na reportaxe de "La Voz".

Pois non! Pertence ó concello de Ribadeo. A Deus o que é de Deus, e a Ribadeo o que é de Ribadeo.