Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

13.3.17

Toponimia de Agolada

Luz Méndez e outros, antes de comezar a presentación de "Toponimia de Agolada"
Volvín ós pendellos de Agolada, que xa non teñen feira pero si vida. Desta vez o motivo foi a presentación de Toponimia de Agolada, de Luz Méndez, co que se inaugura a colección "Terra Nomeada", promovida pola RAG coa colaboración económica –sempre imprescindible- da Deputación de Pontevedra. É unha interesante iniciativa coa que se pretende espallar o coñecemento e o valor da toponimia dun xeito divulgativo, fuxindo de explicacións para expertos que moitas veces resultan excesivamente densas para o gran público.

O local escollido no recinto dos pendellos quedou pequeno para a ocasión. Foi unha lástima que chegase puntual para a presentación do libro porque perdín case toda a visita guiada que o historiador Manuel Bustofixo previamente polo conxunto arquitectónico dos pendellos. Tendo en conta o pouco que aínda pillei e os coñecementos e entusiasmo do guía, estou seguro de que debeu ser ben interesante.
Un momento da presentación
Houbo varias intervencións de expertos e de autoridades: o Alcalde de Agolada, o representante de Cultura da Deputación, Gonzalo Navaza, Xesús Ferro e a propia autora. Todas elas foron amenas e non moi extensas, algo que tamén se agradece cando os participantes son moitos e un está de pé. Tamén tocaron os gaiteiros de Bico da Balouta e cadrou que acabei parolando cun deles asentado alá pero nado en Ribadeo. Tivemos tempo para que recordase un pouco o Ribadeo da súa infancia, para que me contase a historia do tesouro do Marqués de Sargadelos e como el, sendo novo, revisou unha por unha todas as covas da ría de Ribadeo por se daba con el.

Por se todo isto fose pouco, cadrei alí co sempre mestre e vello amigo Vázquez Pintor, con quen me retratei na noite. Recordamos a anterior visita ós pendellos, cando aínda non estaban amañados, e como aquela mesma tarde acabamos pingando coma pitos e medio espidos para enxoitarnos na palleira da súa estirpe de Quián, un dos topónimos que Luz Méndez explica no seu libro.
Con Vázquez Pintor
Mereceu a pena a viaxe. 

15.1.17

Seseo en Rinlo

Rinlo en Google maps
En Dialectoloxía da lingua galega (Xerais, 1990), o profesor Francisco Fernández Rei escribe, a propósito do seseo:
No galego oriental este fenómeno é insólito; de tódolos xeitos, aínda que esporadicamente, a súa existencia está documentada en Rinlo (lugar mariñeiro de Ribadeo) [...]
Francisco Lanza referírase tamén ó seseo en Rinlo en “Falan os de Ribadeo”, publicado no nº 114 da Revista Nós, en 1933. O artigo, xunto a outros dous do mesmo autor, reeditouno Edicións do Castro en 1974, con limiar e notas de Eduardo Gutiérrez, e volveuse reeditar no 2001. Nese traballo, Lanza inclúe un apartado titulado “Pobos e xentes” onde di:
Rinlo.- Ós rinlegos, porque falan coa ese, chámaselles sorosos; na festa do seu patrón, San Pedro, comen casón cosido, casón asado, casón estofado, casón mechado e casón encasolado.
 “Cason” é a pronuncia con seseo de “cazón” (Galeorhinus galeus), un peixe que seica é algo parente dos tiburóns, pero non medrou tanto.

É todo canto sei do seseo en Rinlo e é todo canto lle conto ano tras ano ó meu alumnado, cando toca falar do asunto. Nos anos que levo dando clase (ou intentándoo) en Ribadeo, que non son poucos, esta información sempre resultou sorprendente para a rapazada, incluso para os de Rinlo, que nunca oíran falar deste trazo dialectal na súa parroquia. E a cousa quedaba aí. Remataba a clase e cada un para a súa casa.

Foto aérea de Rinlo, de Humberto P. Pool (collida de internet, que o autor desculpe a apropiación indebida)
Pero este curso teño como alumna a Marta Fernández Díaz, rinlega inqueda, curiosa e con ganas de aprender. Poucos días despois de que eu falase do seseo en Rinlo na aula, Marta veume cunhas anotacións que fixera con axuda da familia, onde hai xente que lle ten oído falar diso ós vellos. Non é que ningún dos vivos lembre o seseo, pero si que teñen oído que algún antepasado dicía que antes se falaba así.

Nas notas de Marta figura que non tiña seseo Tona -nai da informante actual-, que naceu no 1915, pero si que o tiñan súa nai e súa tía. Tampouco o tiña Concha, nada no 1912 nin a mamá Xeba, que nacera en 1890.

Polas contas que botaron, calculan que o seseo debía estar vivo en Rinlo aínda entre os nacidos cara a 1870 e 1880.

Aí queda o dato, que moito lle agradezo a Marta e á súa familia

8.12.16

Cameos literarios

Seica Carlos Casares aparece como personaxe en A ferida do vento, o último libro de Riveiro Coello. Collendo prestado o léxico do cine, supoño que a iso se lle pode chamar un cameo literario.

Deume agora por pensar noutros cameos en textos literarios. Sempre se falou das alusións de Góngora a Quevedo e viceversa, pero iso non eran cameos; eran pedradas. Tamén sei dalgunha pedrada nas cantigas galego-portuguesas medievas:

Foi un día Lopo jograr
a cas dun infançón cantar,
e mandou-lh'ele por don dar
tres couces na garganta;
e fui-lh'escass', a meu cuidar,
segundo com'el canta.

Escasso foi o infançón
en seus couces partir entón,
ca non deu a Lopo, entón,
máis de tres na garganta;
e máis merece o jograrón,
segundo com'el canta.

Vese que eran amigos Martín Soares e o xograr Lopo...
Pero interésanme os cameos amigables, as aparicións breves redactadas con respecto, a xeito de homenaxe. Nese sentido, coñezo algúns casos que aluden a xente de por aquí arriba:

Marilar Alexandre en O coitelo en novembro cita a escritora ribadense Eva Moreda, a carón doutros autores.
A. M.? Calquera sabe. Pode corresponder a varias persoas. Ou mesmo a alguén que nunca publicou e que non sexa posíbel localizar. Se fose E. M. podería tratarse da narradora Eva Moreda. Seguro que é A?


En Funambulistas, Mercedes Leobalde fai unha pequena alusión a Luz Pozo, relacionándoa por proximidade cun sonado electrecista do Milladoiro:
O Códice Calixtino que che digo que teño non é o de Luz Pozo, amiga, que tamén, senón o bo, ese que desde hai varios días o mundo todo anda procurando con tanto afán.

Luz Pozo e o tamén ribadense Daniel Cortezón aparecen no poema “Gacetilla literaria”, pertencente en Documentos personaes, de Manuel María, no que pasa revista da actividade literaria do momento:

[...]
Cuña Novás hai tempo non pubrica.
Novoneyra metido no Courel.
Cunqueiro, tan fino e inxenioso.
Fole anda a rematar unha novela.
Luz Pozo Garza está en Viveiro.
Os versos de Xohana Torres son moi bos.
Todo este trevello enriba dun.
Maside en Compostela. Otero Pedrayo
a falar longamente no café.
Ferrñin, Mourullo, Franco Grande,
López Nogueira, Lorenzo e Cortezón
coa súa mocedade madura por bandeira
[...]





















Tamén na literatura castelá hai algún cameo ribadense:

Nalgún garito do Madrid dos anos 50 seica se celebraban tertulias literarias que eran coma un saloon do Oeste; era habitual que os recitadores se visen interrompidos polos espectadores. Rafael Azcona, na novela Los ilusos, reeditada hai uns anos pola coruñesa Ediciones del Viento recrea aquel ambiente e introduce un personaxe chamado Dionisio, que seica vén a ser o polígrafo ribadense DionisioGamallo Fierros:
Se volvió decidido a pegar a quien hubiera profanado la emoción del instante con aquel alevoso comentario. Era un hombre con mirada de pájaro, vestido de negro y cargado con una enorme carpeta. El poeta Garruchero, cordial, le palmeaba la espalda.
- ¡Hombre, Dionisio!... Al fin y al cabo…
- ¡Idiotas todos! Y ese pobre mentecato, más que ninguno. ¡Haciendo versos a los ochenta años! ¿No has visto a Silvestre?
- No, no…
- Me voy. No quiero entontecerme.
Paco miraba, interrogándole, a Garruchero. Este explicó:
- Es Dionisio. Nada, no hay que hacerle caso. Siempre está así.
Le extrañó a Paco aquella pasividad de su nuevo amigo, tan violento hasta entonces. ¿Quién demonios era aquel Dionisio?

Otero Pedrayo referiuse tamén a Dionisio Gamallo nun acróstico inédito:

UN ACRÓSTICO DEL TIEMPO VIEJO

Diulle ó ser a dozura mariñeira
I a cume do Mondigo, azul vixía
Onde tecen as fadas da neboeira
Namorouno da estrofa largasía.

Ispindo o curazón car’á senlleira
soedá dos fortes, n’il se ll’a acendía
Ise arelar da roita ventureira
Ofercida aos eleititos da armunía

Galán de troba, pouco a abogadeira
A ambizou o tentou ¡Tiña outra guía!
Moralejo, prosaico da silveira
Arredouno de nós. Hoxe maquía
Lluitando no roquedo da canteira
Obradoiros faiscantes de poesía.

R. OTERO PEDRAYO, agosto de 1940






















O propio Gamallo Fierros aparece aludido, con Rodríguez Baixeras, en "La perspectiva de la eternidá", un precioso relato de La hestoria tapecida, do xenial Xuan Bello. Con todo, neste caso, o cameo dos dous ribadenses está pillado polos pelos, xa que non chegan a ser personaxes da historia. Aparecen tan só como referencias espaciais para unha señora que é tamén personaxe irrelevante:
Escuco tres los cristales del Cantón, veo a una señora cun paragües increíble que cruza la Plaza d’ España, pasa ensín saludar xunto a la estatua de Gamallo Fierros y empobina per una esquina, que será la cai Villafranca del Bierzo, hacia nun sé onde; detrás d’ella, inundándolo too, queda una lluz fría, gris, clarísima, y un aire contundente, áspero y sabio sutrume les palmeres que canta nos sos poemas Xavier Rodríguez Baixeras [...].  


2.11.16

Xuntanza de Prolingua

[FOTO: http://xabier-docampo.gal/index.php?entry_id=1477770397&title=prolingua]
Non vou eu chegar ó punto de Risco, que falaba de si e dos seus colegas dicindo que eran “individualistas, antisociais, antigregarios, introvertidos” e non sei cantas lindezas máis, pero o certo é que, desde que deixei de percorrer os campos de fútbol do País hai xa ben anos, non son eu moito home de colectivos. Cústame traballar en equipo, son bastante individualista e poida incluso que algo toxo –se cadra, da caste dos toxos molares, que son máis mansos, pero toxo ó fin e ó cabo-.

Aínda así, porque me parecía necesario e ilusionante, deixeime levar adentro do proxecto de Prolingua hai xa uns anos.

Este sábado compartimos xuntanza e xantar para revisar o pasado e pensar no futuro. Foi un pracer coñecer xente coa que só tiña contacto virtual, ver outros que xa coñecía pero que non vía desde hai tempo e levar para a casa na memoria, coma quen leva un tesouro e vitaminas, a ilusión e as historias do Capitán Docampo, que se entrega en achegar forzas no presente para termos futuro.

Foi un pracer esta xornada prolingüeira.

14.10.16

Novo Nobel


A Academia sueca acaba de facer pública a decisión de concederlle o Nobel de literatura 2016 a Bob Dylan. É a primeira vez que se lle concede a un autor por uns textos que, en principio, non foron poemas senón letras de cancións.

A decisión está causando controversia, como era de esperar. A min non me parece mal. Agora, máis ca nunca, é certo iso de que os tempos están cambiando. A poesía anda por aí e todo é cuestión de vela e botarlle a rede. Despois, pódese levar a un libro de papel, ós valados dun campo de fútbol ou ó tornasol dun trailer, que non todo vai ser "Que Deus e o Real Madrid me acompañen".

Contan que Cernuda, estando no exilio en París, atopou unha vez poesía auténtica no comezo dunha película de vaqueiros. O western seica empezaba así: "En el estado de Nevada los caminos de hierro tienen nombre de pájaro". E aí, entre rifles, cabalos e estrelas de sherif, naceu un dos seus poemas.

Eu non teño a sensibilidade de Cernuda e non as pillo coma el, pero cada vez chámame máis a atención a poeticidade das etiquetas dos viños. Cousas así: En boca, aromas afroitados con sabor a soños de bosques adornados co misterio das cores outonizas do vento que abala as follas do almanaque da vida e bla, bla, bla...

E non perdo a esperanza de que o primeiro Nobel para a literatura galega llo concedan a unha botella de Mencía.

2.10.16

A morte do verao

Ría de Ribadeo, 2 de outubro de 2016
Aínda que o sol segue sacándolle brillos imposibles á ría e tingue de azul o mar que vexo ó norte, hoxe decidín a morte do verao e recollín as tumbonas e todo o mobiliario da terraza. O sol segue aí pero sei que axiña virán as chuvias e non quero que me pillen coa herba seca no eido, non quero que me enchoupen os mobles de madeira que han de durar aínda máis veráns.

A morte do verao. A expresión arréndolla a Xavier Rodríguez Baixeras, que a usou no remate dun poema que me ocupou noutras horas. Titúlase “As pozas demoradas”, outra metáfora. As pozas demoradas son a infancia do poeta, cando se bañaba ou chapuzaba nas pucharcas que ían quedando no areal dos Castros ó baixar a marea.

Contei a historia aquí, por boca do meu alumnado, e non me vou repetir. O texto editouse en 1997 e sei que hoxe o autor revisaría de boa gana a última palabra, esa que moitas veces é esencial nun poema. O texto orixinal di:
Que ían construírnos
a morte do verao
sobre as inmensas árbores taladas.
Pero a primeira vez que llo oín recitar, o autor dixo “tronzadas” en vez de "taladas" e explicou que debería cambiar esa palabra porque os grupos consonánticos de tronzadas (-tr-, -nz-) danlle unha forza que non hai en taladas

Co gallo da lección inaugural do curso 2016-17, que Rodríguez R.Baixeras pronunciou no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, o autor rematou a intervención lendo o poema (min. 31:38) e de novo modificou o orixinal e dixo “tronzadas”. A reiteración podería servir como fe de erratas, creo eu.

Enrédome con esta observación ecdótica só uns días despois de acompañar a Xavier nunha cea agarimosa, non quero chamarlle “de despedida”, porque deixa a súa beira norte para regresar ó sur, nun camiño agora real que xa recreou literariamente con anterioridade; un camiño que parece un debate permanente entre o norte da súa infancia, do pasado, e o sur da madurez, do presente.
Cea con Xavier R. Baixeras, 30/09/16 (FOTO: Farruco Graña) 

30.8.16

No falecemento de Manuel García "Galano"

Manuel García "Galano".
Foto collida de
 https://arribada.wordpress.com/2009/09/09/arribada-2009-entrevista-nel-semanariu-les-noticies-a-manuel-garcia-galano-pola-mor-de-la-concesion-del-premiu-timon/

Vaise indo agosto levando consigo cada día uns minutos de luz. E cos últimos días de agosto fóisenos tamén a luz de Manuel García Sánchez, “Galano”.

Non se me dan nada ben as necrolóxicas e non pretendo que isto sexa tal cousa. Tan só unha mostra de afecto debida a quen me dedicou atención e agarimo cando o precisei. 

Era tamén unha tarde de agosto cando Galano me acolleu na súa casa de Tapia, atendendo a miña solicitude de ter con el unha xuntanza para redactar o capítulo que lle dediquei en A herdade que nós temos (p. 94). Foron unhas agradables horas de conversa pausada, que interrompía de vez en cando para agradecerme o meu interese polo seu labor, que, segundo el, carecía de importancia. Aínda por riba!, cando o privilexiado era eu por contar coa súa colaboración.

Foi revisando con calma os cartafoles onde gardaba textos e tivo a deferencia de agasallarme con dous inéditos para engadir á súa reseña biográfica. Preferiuno el así, que fosen inéditos.

Non ha ser moi chorado Galano no mundo das letras galegas porque o seu labor continuado por manter vivas as palabras de noso no occidente de Asturias seguramente non chegou a todos os recantos ós que debería chegar. Eu chorar tampouco choro, que hoxe non teño o día, pero si que lamento profundamente a perda de quen tan ben me tratou.

Xoán Babarro contribuíu a difundir este autor eonaviego, acupándose da obra de Galano na súa tese de doutoramento sobre O galego de Asturias, defendida en 1994 e publicada en 2003. Tamén se encargou da edición caseira doutros sainetes seus para nenos na colección Os Teixedais, da que algún día falarei.

Posteriormente chegaríanlle os recoñecementos institucionais desde Asturias: en abril de 2006 nomeárono fillo predilecto de Tapia, en maio dese mesmo ano a ALLA nomeouno académico de honra, etc. Máis vale tarde ca nunca, seica.

Aínda que na rede é posible atopar todo isto e maís, deixo aquí uns datos elementais para quen non coñeza a obra de Manuel García "Galano":

Galano, nacido na Roda (Tapia) en 1922, participou activamente en moitas iniciativas culturais da comarca e colaborou en diversas publicacións.
En 1979 cofundou o grupo de teatro Ameicer, que dirixiu ata 1994, e que representou a maioría dos seus sainetes.
En 1993 agrupou once deles nun único volume que se publicou co título de Mareaxes tapiegos. No 2000 publicou outro seis co título de Erguendo el telón.

Tamén é autor de relatos curtos. En 1984 publicou Parzamiques. En 1993 o colectivo Xeira reeditoulle a obra, engadindo o relato “A terra é a terra”, co que Galano gañou o 1º Premio Xeira de Narraciós Curtias, e outro relato máis.
A Academia de la Llingua Asturiana editoulle no 2005 as súas colaboracións na revista Entrambasauguas. nun volume titulado Vento d’Outono.

14.7.16

Toponimia: O Cepetal (ou similar)

Isto da "touponimia" case sempre é cousa complicada, pero desta vez deume por fozar por ese camiño e como ultimamente un anda escaso de ideas (e máis aínda de folgos), deixo aquí o asunto:

En relación con isto...:
En "La Comarca del Eo", 25 de xuño de 2016

...escribín isto...
(PREME NA IMAXE PARA AUMENTAR)
En "La Comarca del Eo", 9 de xullo de 2016

...que deu lugar a esta nota aclaratoria:
En "La Comarca del Eo", 16 de xullo de 2016
NOTA:
Esta semana deixounos Agustín Fernández Paz. Se fose capaz de escribir algo que se achegase minimamente ó que el merece, faríao; pero agora mesmo síntome incapaz de xuntar unhas palabras dignas para a ocasión. Deixo aquí unicamente constancia da miña admiración e do afecto que sinto por el.

6.6.16

Conducindo as Irmandades

Cartel para anunciar os actos do centenario
Hai unha semana propuxéronme guiar un autobús. Ó comezo púxenme todo contento porque eu, que conducía con frecuencia tractores ós doce anos e coche ós dezasete, nunca conducira un autobús. E moito menos un coma este, co volante á dereita.

Despois souben que non tiña que encargarme do volante, senón dunha visita guiada pola exposición ambulante que está percorrendo o país co gallo do centenario das Irmandades da Fala. Cousa da Asociación Cultural Francisco Lanza e do Concello de Ribadeo.

Dentro do autobús
Aceptei, a pesar de que eu non sei moito diso, que é máis cousa de historiadores. E a min ponme moito respecto o labor  dos historiadores, porque teñen que saber ler principalmente o que non está escrito. E tampouco quero eu caer no mesmo que fan algúns que len a Pío Moa e xa se consideran capacitados para escribir liñas e liñas de historia con pretensións de irrefutabilidade.

Aínda así, aceptei, que un sempre procura botar unha man onde pode e cre que non estorba. A conmemoración foi agradable, non polo que eu acheguei nin polos contidos da exposición en si, senón polo resto das actividades, especialmente pola magnífica interpretación que Carmen Rodríguez e a coral de Ribadeo fixeron de “O meu país”, de Miro Casavella, e polas brincadeiras retóricas dos Poetarras.

Canto ás Irmandades, algo tratamos de contar das súas orixes, da súa evolución e da colleita que acabou agromando nesta zona como consecuencia daquela sementeira.

Iso si. Tamén acabei conducindo o autobús co volante ó revés. 

Saúde e terra!


30.5.16

A ría que non é ría

Ría de Ribadeo, con Castropol ó fondo (Foto: Tania Fernández Faílde)
De todos os episodios aldraxantes que temos visto contra a toponimia galega, un dos máis absurdos é recente e está pasando bastante desapercibido.

Perpetrouno a Xunta de Galicia e di que a ría de Ribadeo non é unha ría senón un lugar xeolóxico de interese, que denominan Ría do Eo porque si. Non acatan os informes lingüísticos dos especialistas porque se refiren á ría e non a esa outra cousa que seica inventaron uns sabios de Madrid.

Como a denominación forma parte dun catálogo de espazos naturais, xa imaxino os guías turísticos describíndollelo ós visitantes: 
- Esa masa de auga que vostedes ven na desembocadura do río, esa onde nadan os parruliños e hibernan os paxaros, onde se fan deportes náuticos e medran cangrexos matahomes, onde se pillan luras parvas que van á luz das farolas nas noites de verán..., esa non lles é unha ría: é unha canteira asulagada.
O nome que evita citar a vila mariñá xa é cousa asentada da outra banda das augas, en Asturias, por máis que a cartografía usase sempre, aquí e acolá, a denominación de ría de Ribadeo. Hai algún tempo alguén decidiu que Ribadeo era nome prohibido no Principado e empezou a campaña de ría del Eo.

Como o inicio da teima case cadrou coa crise, quero pensar que non foi por mala fe, senón por aforrar tempo, tinta e pintura en documentos e letreiros. Pero que o atentado veña de dentro da casa e cunha argumentación tan peregrina supera o nivel de aguante dos máis pacientes.

Nin mel, nin dátiles, nin leite.
Apaña, mozo, pedras[...]

17.5.16

Manuel María: "Documentos personaes" personalizados.

Hoxe toca espir a Manuel María. É o tributo que hai que pagar por ser merecente dun 17 de maio para si.
Portadas de exemplares de textos de Manuel María
Ademais doutros de edición máis recente, eu teño un exemplar da 1ª edición de Documentos personaes. Nel consta unha dedicatoria asinada en Lugo en agosto de 1958.

As follas amarelas e medio arrancadas conservan os quince poemas que compoñen o libro. A ironía do último, "Testamento", no que se prega non chorar cando o Alcalde de turno se luza cun longo discurso na súa honra, ten un engadido final, manuscrito a bolígrafo, no que se fai unha excepción con Saleta, autorizándoa a ela, só a ela, a derramar bágoas. Non teño a certeza de se o engadido é do autor ou da propia Saleta:
Inda que o aito sexa emocionante / non se lle permite a ninguén / derramar bágoas. / 
                           A Saleta si...
Fragmento do poema "Testamento", cun engadido manuscrito 
Xa que escribo dende onde escribo, co Cantábrico aí ó lado, quero referirme tamén ó poema “Gacetilla literaria”, onde o autor repasa a actualidade literaria do país, con alusión a dous nomes ribadenses: Luz Pozo e Daniel Cortezón: 
[...]  
Cuña Novás hai tempo non pubrica./ Novoneyra metido no Caurel. / Cunqueiro, tan fino e inxenioso. / Fole anda a rematar unha novela. / Luz Pozo Garza está en Viveiro. / Os versos de Xohana Torres son moi bos. / Todo este trebello enriba dun./ Maside en Compostela. Otero Pedrayo / a falar longamente no café.Ferrín, Mourullo, Franco Grande, / López Nogueira, Lorenzo e Cortezón, / coa súa mocedade madura pro bandeira./ 
[...]

No medio do vello libro consérvase un recorte, con foto dun Manuel María mozo, anunciando un acto de sinatura de exemplares, co gallo da festa do libro.
Recorte de prensa anunciando un acto de Manuel María
Teño tamén unha separata, con dedicatoria do 30 de agosto do 58, do que, segundo parece foi o primeiro poema que Manuel María lle dedicou a Saleta. Xa me teño referido a el neste blog e a cousa acabou incluso tendo repercusión errónea que xa aclarei cun comentario no mesmo post.
Fragmento da separata do poema de Manuel María publicado en Papeles de Son Armadáns.
Con todo, parece ser que o erro valeu para que na propia Fundación Manuel María soubesen da presenza do autor en Papeles de Son Armadáns, así que tampouco foi tempo perdido.

No medio da separata consérvase outro recorte da prensa de Vigo, sen data, cunha entrevista na que o autor se mostra algo crítico coa poesía da época: “Hay mucho versificador y poco poeta”. Pero da entrevista interésame agora resaltar só o comezo:
- Fai constar que tu i-eu falamos en galego nesta conversa.
- Fago.
Entrevista a Manuel María no ano 1958
Despois, todo o texto está en castelán. Pasou en 1958. Se fose hoxe, 58 anos despois, con algúns xornais galegos tería que empezar advertindo o mesmo.

22.4.16

A forza que vén de lonxe - XII: media ducia de golpe

Estou algo preocupado.


Carmen Mejía
1-
Hai unha semana sóubose que a Fundación Pedrón de Ouro decidiu concederlle o Pedrón de Honra 2016 a Carmen Mejía, unha filóloga que ama e difunde a nosa cultura nas aulas da Complutense e en calquera outro lugar do mundo no que se atope. De feito, nestes momentos é tamén a presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos.
Carmen Mejía. Galega? Non; manchega. 

2- 
Cartel de "A dozen galician women"
Hoxe mesmo preséntase en Cork, que queda aí arriba,  A dozen Galician women, unha antoloxía de poetas galegas coordinada pola tamén poeta Elvira Ribeiro. Así, na verde Eirín saberán algo máis da "brigada poética feminina" que puxo patas arriba a poesía galega das últimas décadas.

3-
En Michigam inaugúrase o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos. Disque o interese pola nosa cultura nos EEUU está medrando de xeito sorprendente nos últimos anos.

4- 
En Bos Aires inaugúrase a Cátedra Galicia-América apadriñada por Manuel Rivas, que non é mal padriño para botar a andar. Temos así un novo centro de estudos galegos na capital aerxentina, que se une ós dous que xa hai.

5-
Cantos de poeta, de Gelria
O día 24 preséntase en Barcelona o libro-DVD Cantos e poeta, un proxecto do que xa falei noutra ocasión. Músicos do país (Mario Cortizo e Federico Mosquera) acompañados pola fermosa voz da polifacética Elena Tarrats, unha barcelonesa que ten máis currículo ca anos. Un orgullo que preste a súa voz á nosa lingua e, ademais, que o faga con tanta soltura máis alá da interpretación dos versos.

6-
Portada do informe
A Academia da Lingua Frisoa (Fryske Akademy), onde ten a súa sé o programa Merkator Education, publica un amplo informe sobre a situación do galego no sistema educativo. Magnífico traballo do incansable Quique Costas e compañía. Medio mundo saberá así como alguén estragou nos últimos anos un camiño que viña de lonxe e as consecuencias do seu capricho, perpetrado por unha mísera presada de votos.

Estou preocupado. Media ducia de boas novas no prazo dunha semana, de forza que vén de lonxe para dicirnos que temos algo que interesa e moito. A este paso non vai haber recanto no mundo onde non haxa un grupo de persoas interesada no noso, non vai haber Universidade no mundo onde non haxa un equipo de investigación dándolle voltas á nosa lingua e á nosa literatura. Xa me empeza a poñer nervioso tanto interese pola cultura galega no estranxeiro, porque o que lles soe gustar ós estudosos é diseccionar cadáveres, desentrañar os segredos dos fósiles... A ver se imos estar nese estado, sen decatármonos.