Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

29.10.13

Otero Pedrayo, Ribadeo, 1958

Vimos estes días na prensa a Méndez Ferrín recollendo o Premio Otero Pedrayo, en recoñecemento á súa traxectoria como poeta, ensaísta e narrador.

Moito alegra que aínda queden premios que valoren o compromiso coa cultura galega e que, de paso, lembren figuras do pasado tamén merecentes de resistir na memoria colectiva. É o caso de Otero. Durante anos faleilles deste autor ós meus alumnos como un precursor visionario da construción de Europa, entre outros méritos:
Adrián, sentado na pequena fonda do porto diante dun vaso de viño espadeiro, imaxinaba o futuro mapa de Europa. As fronteiras non eran liñas de aduanas senón vitais zonas de transición entre as harmoniosas conciencias dos pobos. A voz das terras do Rhin non precisaba pasar por Prusia para oírse no mundo. O alpino lago de Como non se avencellaba co ardente calabrés baixo a mesma etiqueta do Estado. Mellor que Estado cada terra era un ceibe conxunto de municipios e ninguén dominaba a ninguén. (Otero Pedrayo: Arredor de si)

Xa non sei se me arrepinto. A Europa das nacións. Eu pensaba que esa idea que Otero soubo deseñar na preguerra era o que estaba na mente dos que iniciaron anos despois a (re)construción de Europa, pero vese que ou a cousa non era así xa de comezo ou que acabou torcendo por outro camiño.

Xa non sei se seguirei citando a Otero como un precursor da unión dos pobos de Europa, por encima das raias ridículas que algúns pintaron nos mapas para deseñar estados sen razón, pero seguirei falando de Otero. Seguirei dicíndolles ós meus alumnos que teñen que ler Arredor de si, aínda que se cadra convén que agarden algo, que medren e maduren antes con outras páxinas, para seren capaces de atoparse na viaxe que el lles propón.

Seguirei falando de Otero Pedrayo como lle cadre no momento ou como saiba, sabendo tamén que que van xa máis de 55 anos desde que alguén o citou no instituto de Ribadeo. Era marzo de 1958. Cando ninguén se refería a el nos centros de ensino medio, cando nin a súa figura nin a súa obra formaban parte do currículo meseteiro, cando os seus libros non estaban nos andeis das bibliotecas escolares, Dionisio Gamallo Fierros tratouno por extenso nunha conferencia maxistral pronunciada nun centro recén inaugurado, que el daquela dirixía. Pouco despois, durante os meses de marzo e abril, o texto da conferencia publicouse en catro entregas en La Comarca del Eo, co título de “El injubilable Otero Pedrayo”.
Comezo dunha das entregas de Gamallo Fierros sobre Otero Pedrayo (La Comarca del Eo, marzo de 1958)
 Así empezaba a primeira entrega:
La Administración pública ha decretado un imposible: que sea jubilado el injubilable orientador de generaciones gallegas en la Universidad compostelana, don Ramón Otero Pedrayo...
Seguirei falando de Otero Pedrayo e dos seus soños, aínda que só sexa por non darlle o gusto a quen soña con xubilar definitivamente todo o que supoña cultura de noso.

Ningún comentario: