Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

1.6.10

Castelao e os "firmós"- IX: Conclusión

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9

IX: Conclusión

Aínda que o nos primeiros anos Castelao destaca como artista e os seus estudosos non lle prestan demasiada atención ó seu labor político, tamén se refiren frecuentemente a unha implicación política temperá, vinculada ó conservadorismo maurista rianxeiro, que evolucionaría ata o nacionalismo despois de pasar polo agrarismo.

Fronte ó carácter exclusivamente local que adoita atribuírselle a ese compromiso político inicial, unha reseña de xaneiro de 1913 e a reprodución dun escrito de Castelao en El Agricultor poñen de manifesto que xa daquela, coincidindo coas súas colaboracións en El Barbero Municipal, Castelao non se limita a loitar contra o cacique Viturro como un problema local e incluso familiar, senón que se preocupa por combater esta lacra fóra do ámbito máis próximo a el.

As ideas suxeridas por Castelao ós responsables de El Agricultor son acollidas positivamente e dan orixe a unha nova liña de combate contra o poder caciquil nas terras de Riotorto, onde Pao de toxo fai súas as propostas do rianxeiro e ataca os firmós nunha serie de artigos publicados ó longo de 1913 e 1914. É certo que o propio Castelao non utilizou, nin daquela nin despois, estes argumentos na súa obra e non sabemos se desde Rianxo o “humorista” era consciente do eco que tiveran en terras de Riotorto as súas “verdades”. Pero, fose como fose, as ideas de Castelao sobrepasaban o ámbito local da súa vila natal e espallábanse xa no norte de Lugo.

Ningún comentario: